Da pantalla para a páxina

As adaptacións literarias de producións audiovisuais fanse un oco na edición galega

Estamos afeitos a ver adaptacións para o audiovisual de obras literarias. No entanto, non é tan común, no noso país, observar o paso contrario. Producións pensadas para cinema ou televisión que desenvolven unha versión escrita. A editorial Galaxia está a dar os primeiros pasos nesta tendencia coa adaptación, ademais, de programas de carácter documental. Logo do enorme éxito colleitado polas receitas de Larpeiros, amplía esta serie de libros e lanza a versión impresa de Criaturas.

O lanzamento de A cociña de Larpeiros por parte da editorial Galaxia bateu marcas na industria editorial galega. Desde a súa publicación en 2009 a obra, que recolle 150 receitas, vendeu máis de 50.000 exemplares e vai xa pola súa décima edición, deste mesmo ano. O éxito levou á editora a tirar, un ano despois, un segundo volume que vai xa polos 18.000 exemplares vendidos, e este ano toca o terceiro, que no lugar de centrar nas receitas, explora os lugares onde adquirir o material co que as facer.

Estratexia editorial
Segundo explica Víctor Freixanes, director de Galaxia, a edición deste tipo de produtos fai parte dunha estratexia editorial máis ampla. “Nestes tempos, e ainda mais coa crise, hai que apretar a imaxinación. Penso que é moi importante establecer sinerxias e colaboracións complementarias entre os diferentes medios e as distintas liñas de creación”, unha aposta na que engloba audiovisual, televisión, espectáculos ou música. A ese respecto lembra lanzamentos recentes da editora como os libro-discos de César Morán sobre Cunqueiro, Xosé Carlos Caneiro ou a biografía de Berrogüetto. Do mesmo xeito apunta os acordos con medios de comunicación impresos como La Voz de Galicia ou El País para editar colectáneas de artigos ou a Biblioteca 120 de La Voz de Galicia ou a colaboración con Continental para a edición do filme O soldadiño de chumbo como libro. Ao seu ver, neste tipo de produtos o medio catapulta e difunde un produto que ten unha liña de afimación a través do libro, non son o mesmo pero compleméntanse” sostén, e anuncia que a firma pretende continuar esta liña de colaboracón “sempre que haxa produtos que a xustifiquen”.

O novo de Larpeiros
No caso concreto do novo libro da serie Larpeiros, se nas anteriores entregas era Benigno Campos, presentador do programa, o que se encargaba de explicarlle ao lectores como elaborar pratos baseados na tradición e nos produtos do país, desta volta é Tomás Alonso, coa colaboración de Víctor López, o autor de Onde mercan os Larpeiros. A seguir tamén o seu papel na televisión, Alonso aborda nesta obra os lugares onde adquirir a materia prima para cociñar. Deste xeito, lévanos por todo tipo de recantos da nosa xeografía recomendando establecementos ou zonas onde mercar pan, queixo e outros lácteos, marisco, produtos da horta e todo tipo de alimentos, aproveitando para facer recomendacións turísticas e mesmo para introducir algunha historia propia dos lugares que visita. Segundo explica, a obra achega moito material novo non presente no programa televisivo. “Aínda que boa parte do moito traballo de documentación que hai detrás do libro a realizamos grazas ao programa, logo hai como un 40% de investigación que fixemos pola nosa conta, visitando lugares e falando con xente”.

Adaptación larpeira
Á hora de trasladar os contidos da televisión ao libro, apunta como maior dificultade a adaptación a un formato fechado como é o libro de material integrado nunha serie. “En Galicia, que é o país onde temos o mellor a nivel de materia prima ter que meter só cincuenta lugares é inxusto, porque hai moitísimos máis”. No entanto advirte que “se á xente lle gusta, haberá máis”. Ademais, sinala que “son dous mundos totalmente diferentes. A televisión préstase moito á inmediatez, a xente asume moi rápido de onde veñen as cousas. Na escrita sempre dá máis tempo a se parar e permite ter a información a man para ir de viaxe. O que non falta en ningún dos dous casos é o sentido do humor”. De entre todos os espazos que recolle, Alonso salienta, tanto por gusto gastronómico como por historia “o foie de Vilardevós. Don Silverio é alguén que viviu moitos anos en Francia e ao voltar dediciu dedicarse a producir foie e dignificalo”.

Criaturas para nenos
Segundo explica Francisco Castro, director de novos proxectos de Galaxia e un dos responsables da edición de Criaturas, só lles falta falar!, escrito por Rocío González e Alfonso Pato, malia á dificultade que se lle pode supor á adaptación, neste proxecto concreto “case me atrevería a dicir que é dos máis doados de convertir en produto literario. O programa o que fai é contar historia que se calquera escritor metese nunha novela poderían parecer ficción”, recoñece. Do mesmo xeito que Alonso, Castro sinala que unha das maiores dificultades do proxecto foi seleccionar de entre todo o material aparecido na televisión aquel que se debería incorporar ao libro. Das preto de catrocentas historias que teñen aparecido nesta produción de Pórtico Audiovisual para a TVG, “fíxose unha peneira e seleccionamos as vinte e cinco que podían parecer máis interesantes para público que escollemos”. E é que, aínda que o libro está dirixido especificamente a lectores infantís, Castro recoñece que a orientación podería ser outra. “Ao final o programa é sobre a relación entre persoas e animais, e iso é algo para todos os públicos e podería escribirse como un libro para adultos. A filosofía que hai detrás é amosar o que uns lles dan aos outros, nos dous sentidos. Hai historias como a relación que ten unha señora moi maior coa súa burra, ou un home coa súa vaca, ou mesmo o cadelo miope ao que lle puxeron lentes, que é a fotografía da capa”. Para alén de reescribir as historias, o proceso supúxolle tamén ao equipo de Pórtico voltar ás localizacións dos casos escolleitos co obxecto de tirar fotografías coas que ilustrar o libro. A aposta que fixo Galaxia pola obra, cun grande tamaño, levou, segundo explica Castro, “a buscar imaxes moi espectaculares para aproveitar ben este formato.

Queda agora pendente por ver como funcionan nas librarías estas iniciativas. Desde logo as espectativas, visto o visto, son boas. E é moi posible que no futuro sexa xa habitual vermos programas de televisión, discos, ou mesmo videoxogos feitos no noso país que teñen tamén a súa versión en libro.
Dúas das historias de Onde mercan os Larpeiros.
Fonte: Galaxia
Dous dos animais que se presentan en Criaturas, só lles falta falar!.
Fonte: Galaxia